.cloud-label-widget-content { text-align:center; font-weight: bold; } .cloud-label-widget-content span { padding: 0 0 0 5px; } .cloud-label-size-1 a {color: #8b8989; font-size:20px;}

Ler cómics

martes, 29 de noviembre de 2011

Disco 1: Alecríns N´ Tinta China


Aquí estou de novo compañeiros!
Estes días non puiden debuxar moito por mor dos exames ,síntoo, pero indo ó gran hoxe falareivos dun dos “proxectos” que teño pensado facer .Trátase dunha colección de portadas de discos dos meus grupos favoritos ,e que despois, eu versiono con ilustracións de Alecríns e Tinta China ,Rego Torto, etc. De momento xa teño pensado uns cantos deseños , dende os Rolling Stones ata Arcade Fire, pasando por Frank Sinatra, Nirvana e moitos máis . Probablemente a maioría deles queden no tinteiro por unha cousa ou por outra , pero nestes casos a mellor solución é poñerse a garabatear!!
O debuxo de enriba é unha versión da famosa calaveira de Guns N´ Roses , eu simplemente substituín o nome polo de Alecríns N´ Tinta China e ,despois, as rosas por alecríns ,o arame de espiño por toxos e as pistolas polo pincel e a prumilla. E, como calquera excusa é boa para practicar, fixen todo a pincel . Ese foi o resultado .
Espero que vos guste amigos!!!

jueves, 27 de octubre de 2011

Couzadoiro comuneiro!!!


Ola a todos!!!
Poño aquí unha pequena historia “crítica” que fixen este verán para axudar nunha loita que hai na nosa parroquia.
A viñeta repartiuse nunha manifestación que fixemos para reclama-los nosos dereitos, pedindo a devolución dos montes veciñais dos cales se apropiou o concello. En total fixéronse uns 150 exemplares cos que eu contribuín, despois entregámolos a tódolos acudintes (incluído ó alcalde e os seus “secuaces” que ,pola cara que puxo , penso que non “captou ben o noso humor”,je,je...)
Ben,espero que vos guste amigos, e que vos solidaricedes coa nosa causa ao berro de:

COUZADOIRO COMUNEIROOOOOO!!!!!!!!!!

jueves, 13 de octubre de 2011

Practicando co Pincel !!

Esta tempada estou practicando o debuxo co rotulador de punta de pincel,polas recomendacións que me fixeran algúns debuxantes, e é aínda moito máis difícil do que cría !!! Sen embargo penso que tódolos retos son bos para mellorar e teño a sorte de que me divirto moitísimo con isto! De momento os resultados son moi mediocres ,pero espero que (a base de borróns) vaian a mellor.


O outro día lin O Heroe ,a nova obra de David Rubín, na que fai unha excelente adaptación do mito de Heracles. Recoméndovola a todos , asegura diversión e emoción a esgalla .Como xa vos dixen antes estou practicando co pincel así que fixen un debuxo de Heracles ,o protagonista do libro de David, poñéndoo un pouco máis ao meu estilo e cunha forma de vestir máis “regototortiana” .
Ao principio tiña pensado facer menos cousas co pincel, pero despois animeime a debuxarlle tamén o nariz ,a barba, e algún que outro detalliño deste xeito ,porque ao fin e ao cabo isto é un “boneco de probas” (aínda que as mans ,os botóns e a casa do fondo estean a pilot ...).Pois nada,espero que vos guste e a ver se a partir de agora vou colgando algo do que faga cos pinceis ou coa prumilla. Así vós poderedes darme a vosa opinión.
Déixovolo aquí amigos!!

miércoles, 31 de agosto de 2011

O Home que Liberou a Fraga




E, por fin, aquí está “O Home que liberou a fraga”. E, antes de nada, non é ese Fraga que foi presidente. Digo isto porque ultimamente é unha broma que moita xente me repite. E quero aclaralo xa!!!

O cómic que aquí vos presento compónse dunha primeira historia de catro páxinas principais e doutras catro máis pra completa-lo conto. A primeira parte foi a que enviei no abril do 2011 ó Concurso de Banda Deseñada da Mariña do IES Perdouro de Burela, e gañou o 1º premio na categoría absoluta. 
A historia vai dun home que axuda ás árbores dunha fraga perante o ataque invasor duns eucaliptos que se queren apoderar desa terra.

Pois nada, espero que vos divertades e sobre todo que vos concienciedes coa problemática que intento analizar aquí (aínda que non sei se me sairía moi ben...). 


Salustio en Norteamérica


-->
Boas meus compañeiros!

Hoxe vouvos presentar outro dos cómics que xa teño feitos. Trátase de Salustio en Norteamérica.

Este é un manga que fixen no 2011, coa intención de que formase parte dunha colección xunto con outros máis: historias de viaxes de Salustio polo mundo visitando ós seus amigos doutras culturas.

Neste viaxe Salustio visita ó seu vello amigo Bisonte Vermello, xefe indio aló nas grandes praderías norteamericanas. Salustio vai ve-lo vello indio e, de paso, levarlle a proba da matanza e do licor café deste ano.

Aí volo deixo como de costume, agardando que vos guste; aínda que xa vos aviso que a historia coxea un pouco e mesmo semella incompleta. Pero este manga serve máis que nada para presentar a Bisonte Vermello, á espera de que volva a verse en futuras historias en Rego Torto.

miércoles, 24 de agosto de 2011

“Construcción en Rego Torto”


 
Boas compañeiros!

Hoxe vouvos presentar “Construcción en Rego Torto”, un cómic que fixen  no 2010. Nel, Salustio vese obrigado a deter (polas boas ou polas malas) a “El Palomar S.A.”,unha empresa que quere construír un complexo hoteleiro na aldea subornando ós veciños. No entanto, non todos acceden  ó trato  e por iso a compañía decide envíar a Antonio Villamartín, un home un pouco pampón e fachendoso, pra tentar negociar co noso amigo..

A historia son nove páxinas en branco e negro e en sentido de lectura xaponés. Aínda que o debuxo é bastante cutre , a historia é das miñas favoritas. Espero que botedes algunha que outra gargallada con ela. Deixovos aquí o enlace para poder descargar “Construcción en Rego Torto”. 
 

lunes, 22 de agosto de 2011

"Os Marcos"



Pois por fin algo de material! Nesta entrada vouvos falar de “Os Marcos”. “Os Marcos” foi a miña primeira historieta, que fixen aló por agosto do 2010, aínda que lle fixen unha “remasterización” uns meses despois.
Vai dunha pequena disputa veciñal por un marco dun linde dunha leira que aparece movido. Algo bastante habitual, se non fora porque o perxudicado é Home Porco e o marco en cuestión pesa varias toneladas...
A historia son dez páxinas de banda deseñada en b/n en sentido de lectura oriental. Nelas aparece por primeira vez un dos personaxes principais de Rego Torto: Salustio do Rego Torto, un home retranqueiro que non dubida en defender con ousadía a súa terra, animais, tradicións,...e ideais.

Historias de Rego Torto


 
Historias de Rego Torto??? Que raio será iso?? Pois Rego Torto é o lugar no que acontecen as miñas historias. É unha aldea que puidera ser calquera pequena típica aldea galega que coñezades, pero poboada por personaxes non tan típicos: vellos que protexen a súa terra, fouciño en man, ante as agresións de empresarios corruptos ou que non dubidan en defende-las fragas de perigosas especies invasoras. Ademais, as vilas dos arredores están ateigadas de personaxes saídos de westerns, de porcos que falan e se anoxan por problemas de lindes de montes... e moitos máis que iredes coñecendo.

Ola a todos e .....BENVIDOS A ALECRINS E TINTA CHINA!!!!!!!


Se esta é a primeira vez que vos pasades por aquí e non sabedes moi ben de que vai isto alá vos vai unha pequena explicación:

O que está detráis deste blogue son eu: Cristian, un rapaz de Vidueiros, unha pequena aldea de Couzadoiro (Ortigueira); ó que lle gusta pasa-lo tempo facendo cómics. E para que a xente poida ve-los meus cómics e divertirse con eles (ou non), decidinme a facer este blogue coa intención de colgar aquí algo do que vaia debuxando.
Pois ben, con isto só quería darvo-la benvida ó meu blogue e as grazas por entrar nel. E nada, que espero que volvades por aquí e vos botedes unhas gargalladas co que vaia colgando.

Ala e pola sombra!!!