.cloud-label-widget-content { text-align:center; font-weight: bold; } .cloud-label-widget-content span { padding: 0 0 0 5px; } .cloud-label-size-1 a {color: #8b8989; font-size:20px;}

Ler cómics

lunes, 24 de noviembre de 2014

jueves, 13 de noviembre de 2014

Viaxe ás Metrópoles Delirantes!

Supoño que moitos de vós xa coñecerede-lo programa Metrópoles Delirantes , ese marabilloso espazo onde a BD é a protagonista, todo da man das encantadoras persoas que son Nieves Rodriguez e mailo Señor B (e os que aínda non saibades deste proxecto tedes que lle botar un ollo e unha orella na súa web  www.metropolesdelirantes.com !). Pois,o outro día ,tiven o pracer de que me fixesen unha entrevista! Entre unha cousa e outra púxenme moito máis nervioso do que pensaba e acabei respostando sen moito xeito ás preguntas que me fixeron. Malia a iso, foi unha experincia magnífica. Por favor, reservade un intre pra escoita-lo programa, no que amais da miña entrevista poderedes atopar outra a Fran Bueno, falando do seu último libro, e máis cousas...
Un programa feito cunha chea de amor!!
Programa 19 Metrópoles Delirantes


viernes, 24 de octubre de 2014

Proceso de debuxo de Por un saco de Patacas!!

Hoxe vouvos amosa-lo proceso que seguín pra face-las páxinas da miña última BD  Por un saco de patacas ( por certo, mellor lede primeiro o cómic antes de ver estas páxinas , pra que non vos estraguen a historia...)!

01-Despois de planifica-la composición da páxina nuns cantos folios (ou nas libretas do instituto), debuxo todo con portaminas azul nun A4. Uso uns folios que teñen as marxes azuis coas medidas e así aforro ben tempo ó traza-los marcos .


02- Deseguido, paso todo a tinta con pincel, inda que pra algunhas cousas coma o recadro das viñetas emprego rotuladores finiños.


03-Cando teño o entintado, escaneo a 600ppi. Pra rematar, co Photoshop poño tramas pra crear atmosferas, e mais algúns detalles coma salpicaduras, etc


E xa está ! Este é o meu xeito de debuxar, agardo que vos prestase a mini-explicación!
Velaquí vos poño outros exemplos !



Deica outra!!


miércoles, 15 de octubre de 2014

Por un saco de patacas completo!!

Hai uns días rematei de lle face-la portada e maila contraportada a Por un saco de patacas! Ademáis, mudeille a trama a algunhas páxinas e metín detalles que antes non poidera pór por falta de tempo...
 Deixo aquí á vosa disposición a obra enteira!
Que vos aproveite esta noite de terrorífico luar en Rego Torto!!


De agasallo colgo tamén o proceso completo de creación da portada !!


sábado, 27 de septiembre de 2014

"Por un saco de patacas" e XXVI Xornadas de BD de Ourense

Coma nos dous últimos anos ,volveuse celebra-lo Certame Benito Losada de Banda Deseñada en Ourense. Eu decidín presentarme tamén desta volta cun novo cómic ambientado nunha noite de luar en Rego Torto, chámase Por un saco de patacas . Quixen facer algo un chisco terrorífico , pero cun pouco de humor , e o resultado... bueno, do resultado quedei bastante decepcionado. Fixen todo ás présas e , inda que a historia me gusta, a parte estética non me cadra miga. Malia todo, o xurado escolleu a obra coma gañadora da categoría até 17 anos !!
Déixovos aquí unha ligazón ó tumblr das Xornadas de BD de Ourense no que habedes poder ve-lo meu traballo e mailo dos outros gañadores, así coma os artigos que xa se escribiron na prensa e na web sobre o tema. As XXVI Xornadas de Banda Deseñada de Ourense veñen cargadiñas de actividades e penso pasar algún día por alí  pra amosar Rego Torto, xa informarei.
Velaquí unha páxina de Por un saco de patacas e mais tamén o magnífico cartaz que debuxou a fabulosa e incríbel Xulia Vicente prás Xornadas!

jueves, 21 de agosto de 2014

Adianto novo cómic

Desta volta vouvos adiantar algo do que vai se-lo meu vindeiro cómic. Terá unha extensión algo maior có que levo feito até agora ( vai supera-las 40 páxinas) e vai ser unha especie de western crepuscular no rural galego, unha "galeguización" dunha das miñas películas favoritas: Pat Garret & Billy the Kid de Peckimpah.
Vellas amizades, a chegada da lei, mafias de porcos bravos ladróns de patacas, amores prohibidos entre cochos ... e todo isto tendo de telón de fondo o día da matanza do chino.
Heivos ir contando máis pero, polo de agora, amósovos este "póster promocional" que fixen inspirándome nun mítico cartaz  do spaghetti western .
Deica outra!

lunes, 4 de agosto de 2014

Autobán!

Dentro duns días ,o venres 8 e o sábado 9 de agosto, vaise celebrar n'A Coruña "Autobán" , un minifestival de autoedición e banda deseñada de autor. Unha das actividades que se celebrarán é o Mercado de fanzines . Por suposto, eu e "Historias de Rego Torto" habemos estar alí. Como non me cadraba miga a idea de ir sen presentar algo novo, decidín pórlle por fin unha portada e unha contraportada a O asubío das fouces, inda que ó final debuxei todo un chisco ás présas e non quedou todo o ben que me gustaría. Experimentei un pouquiño coas sombras a ver cal era o resultado...Tamén fixen algunha páxina interior de recheo e un novo debuxo prós meus datos, etc. Supoño que hei ir colgando todo isto no blogue estes días. En fin, que os que queirades botarlle un ollo ó último que saquei , vide a Autobán, que é un festival que tén moi boa pinta e no que vai haber grandes promesas e moreas de talento da nova BD galega, e se non o credes mirade a súa web! Moitísimas grazas ós organizadores e longa vida ó Autobán!! 
Velaquí vai a portada d' O asubío das Fouces